Skip to content Skip to navigation

Triunfos de prestixio do Alevín A e Benxamín nos seus playoffs

Nota de prensa Oficial
Equipo Cadete SD Compostela

A xornada da fin de semana para as categorías inferiores deixou tres vitorias e un empate como resultados positivos.

Entre os triunfos, destacan os do Alevín A e o Benxamín nos seus respectivos playoffs. Ademais, o infantil B pechou a súa liga en cuarta posición.

En primeiro lugar, tras varios tropezos de forma consecutiva, o Zona Vella conseguiu un empate a cero contra o Trazo, resultado que lle permite manterse en metade de táboa.

O xuvenil de Liga Nacional recibiu un revés ao perder na casa contra o Pavillón Ourense e terá que tentar evitar o descenso. Pola súa banda, o xuvenil B perdeu contra o Bertamiráns, un dos conxuntos que loita polo ascenso, por un axustado 1-2. Os nosos conseguiron empatar o encontro na segunda parte co tanto de Brais Loureiro, pero o conxunto visitante marcou o tanto da vitoria no minuto 70.

En canto ao cadete, o equipo branquiazul caeu por 1-0 na súa visita ao CD Unión, polo que o cadro do Barbanza distánciase agora a tres puntos.

En infantís, o A conseguiu unha gran vitoria en casa contra o Sálvora, conxunto ao que se achega na táboa, por 2-1. Os santiagueses foron sempre por diante no marcador e, a pesar de recibir un tanto nos últimos minutos, nunca viron perigar o triunfo. Mentres, o B perdeu no seu último partido de liga contra o Escola de Fútbol Silleda por 5-2 e acabou a tempada en cuarta posición, un magnífico resultado.

En categoría alevín, o A volveu á senda do triunfo no seu playoff despois de superar por 1-2 ao Compañía de María, afianzándose na terceira praza, nunha xornada na que o B descansou.

Por último, o benxamín conseguiu superar ao La Salle por 0-2 e ascendeu ao sexto lugar do seu playoff, mentres que pola súa banda, o biberón perdeu contra o Nicrariense.