Skip to content Skip to navigation

Crónicas Obradoiro-CAB

Nota de prensa Oficial
Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF

SENIOR LIGA EBA

CADETE A

CADETE B

INFANTIL A

INFANTIL B

SENIOR LIGA EBA: O Obradoiro Silleda cae nun final igualado na súa visita a Zamora (89-88)

O pasado domingo, ás 12:30 horas, o Obradoiro Silleda visitaba o pavillón Ángel Nieto de Zamora para medirse ao Innova Chef, co obxectivo de manter o bo nivel de xogo mostrado nas últimas xornadas.

Os visitantes iniciaban moi ben o encontro, dominando o rebote defensivo e atopando moitos puntos ao contraataque o que, unido ao bo acerto exterior mantido durante toda a primeira metade, lograban vantaxes de ata dezaseis puntos.

Tras un tempo morto do equipo local, os zamoranos comezaron a subir o seu nivel defensivo e a mellorar moito as súas porcentaxes dende a liña de 6,75 metros. A pesar da resposta local, os obradoiristas non baixaron o ritmo e lograron manter a renda de trece puntos obtida no primeiro cuarto, chegando ao descanso por diante. 

Á volta de vestiarios, o Innova Chef saíu cun tremendo nivel físico, aumentando tremendamente o nivel de contactos e, a través dun xogo moito máis vertical, lograron darlle a volta ao electrónico. Os visitantes comezaron atopar moitos máis problemas de cara a canastras nestes minutos, e perderon a dureza e concentración que lles fixera dominar o partido na primeira parte.

No último cuarto, cunha desvantaxe de once puntos, o Obradoiro Silleda volveu a atopar o seu mellor xogo, hilando grandes defensas co control do rebote defensivo e unha boa circulación de balón. Desde xeito, foron recortando pouco a pouco a diferenza ata colocarse un punto arriba a falta de vinte oito segundos.

Quedaba unha posesión completa para o desenlace do encontro, unha gran defensa dos obradoiristas pero que non foron capaces de pechar o último rebote, anotando en segunda opción os locais para poñerse un arriba a falta de sete segundos. Dispoñían dunha última posesión para levarse a vitoria de Zamora, pero desta vez o balón saíu do aro, caendo finalmente a vitoria para o Innova Chef.

Os parciais por cuartos foron: 23-36, 25-21, 28-8 e 13-23. 

A próxima semana, o Obradoiro Silleda volverá a viaxar, esta vez para medirse o domingo as 20:15 horas fronte ao Venta de Baños.

CADETE A: O Cenor Obradoiro vence ao Seguros Fraga Ferrol na derradeira xornada da Liga Galega Fase Norte (58-39)

O sábado, ás 18 horas, xogouse a 14ª e última xornada da primeira fase da Liga Galega entre o  Cenor Obradoiro CAB e o Seguros Fraga Basket Ferrol.

O partido comezou de forma discreta para ambos os equipos, que lles custaba moito conseguir vías de anotación e onde os visitantes, a base de gañar no rebote ofensivo, dese a cara máis forte no partido.

No segundo cuarto, o Cenor Obradoiro foi capaz de corrixir os erros no rebote e aos poucos empezaba a poder correr o campo con transicións rápidas e abrir as primeiras distancias no marcador, chegando ao descanso con 8 puntos de diferenza (26-18).

Logo de pasar polos vestiarios, os locais foron o equipo que demostrou unha gran evolución na segunda volta, e impuxeron o seu ritmo para acabar de romper o partido acabando cunha diferenza de 20 puntos no marcador.

No último cuarto, os visitantes seguiron plantándolle cara ao partido e complicaron o ataque obradorista cunha defensa zonal 3-2, pero aínda así os locais mantiveron a diferenza no electrónico  ata o 58-39 final.

Os parciais de cuartos foron: 10-10, 16-8, 20-8 e 12-13.

O próximo partido será fixado a partir do próximo martes 20/2 no sorteo da segunda fase, que se competirá entre os 4 primeiros das fases Norte e Sur polo título Galego e a clasificación para a fase final do Campionato de España cadete masculino.

CADETE B: O Obradoiro CAB Cenor vence ante o Parrillada A Nosa Ría CBPS (66-27)

No encontro disputado no pavillón Lorenzo de la Torre de Santiago de Compostela, o Obradoiro CAB Cenor deu mostras do seu gran nivel de xogo derrotando ao CBPS por 66-27.

Unha vez máis, os locais foron de menos a máis durante todo o partido. Tanto foi así que os erros defensivos e o acerto nas finalizacións en transición permitiron aos rivais chegar con opcións reais ao descanso, a tan só 4 puntos tras un 13-11 e un 10-8.

Tras o paso polos vestiarios, o Obradoiro CAB – Cenor centrouse en apretar as liñas de pase e subir o ritmo do partido, o que lle permitiu xerar máis puntos fáciles en contraataque. Nesta segunda metade rompeuse por completo o partido e isto reflexouse claramente no marcador cuns parciais de 23-7 e 20-2. 

Vitoria importante para chegar con opcións de ser líderes do grupo, para o que necesitaran vencer por máis de cinco puntos ao Rosalía, no derradeiro partido desta fase.

INFANTIL A: O Cenor Obradoiro CAB cae en Peleteiro pese ao bo encontro realizado (66-55)

O pasado sábado, ás 16:00 horas no pavillón de Montouto, o Cenor Obradoiro CAB medíase ao Peleteiro, nun encontro de máxima igualdade no que os locais certificarían o triunfo no último cuarto.

O Cenor Obradoiro CAB mostrou desde o principio a súa capacidade competitiva e a melloría mostrada nas últimas xornadas, realizando un moi bo encontro, en especial unha gran primeira metade, e cedendo tras encaixar un parcial de 20-9 no último período.

O primeiro período tivo clara cor visitante, cunha gran defensa de 1x1 que lles permitiu dominar o ritmo do encontro, e cun xogo coral en ataque que, a pesar do desacerto no lanzamento exterior, faría que se chegase ao descanso con empate no marcador.

Na segunda metede, os obradoiristas frouxearon algo en defensa, o que permitiu ao equipo local anotar corenta puntos en vinte minutos. Pero, pese a todo, os visitantes non lle perderon a cara o encontro ata os últimos dez minutos, nos que un claro parcial de 20-9 fixo que a vitoria fora para Peleteiro.

Os parciais por cuartos foron: 11-16, 15-10, 20-20 e 20-9.

A próxima fin de semana, o Cenor Obradoiro CAB recibirá o sábado, ás 12:00 horas no pavillón Lorenzo de la Torre, ao Estudiantes de Lugo, na última xornada desta primeira fase da liga galega.

INFANTIL B: O Obradoiro CAB Cenor vence na súa visita a Pio XII (34-51)

O pasado domingo, ás 10:00 horas o Obradoiro CAB Cenor visitaba o pavillón de Pio XII, nun encontro no que, tras un dubitativo arranque, comezaron a dominar no segundo cuarto.

O partido comezaba con demasiados trompicóns, con excesivas perdas de balón para os obradoiristas que aproveitaron os locais para controlar o ritmo do encontro.

Sen embargo, a partir do segundo cuarto, o Obradoiro CAB Cenor comezou a despregar o seu mellor xogo, conseguindo vantaxes de ata vinte puntos. Deste xeito certificaron unha nova vitoria que da mostra da progresión do equipo nas últimas xornadas.