Skip to content Skip to navigation

Crónicas Obradoiro-CAB

Nota de prensa Oficial
Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF
  • SENIOR LIGA EBA
  • JUNIOR A
  • JUNIOR B
  • CADETE A
  • CADETE B
  • INFANTIL A

SENIOR LIGA EBA: O Obradoiro Silleda cae nun final igualado fronte ao Rio Ourense Termal (58-61)

O pasado domingo, ás 18:00 horas no pavillón municipal César González Fares, o Obradoiro Silleda recibía ao Rio Ourense Termal B nun encontro entre dous rivais directos na loita pola permanencia. Un partido con máxima tensión no que os visitantes trataron en varias ocasións de romper o marcador pero no que os locais loitaron ata o último minuto, quedándose ás portas dunha nova remontada.

Empezaba o encontro con grandes defensas por parte de ámbolos dous equipos, pero os locais non atopaban unha boa circulación de balón e caían en numerosas perdas, o que aproveitaba o COB para lograr as primeiras vantaxes no marcador.

No segundo cuarto, o ritmo seguiu sendo alto pero os visitantes caeron tamén na precipitación dos locais, o que facía que a igualdade se mantivera no electrónico ao descanso.

Tras pasar polos vestiarios, o Rio Ourense Termal colocouse nunha zona que provocou un gran atasco en ataque do equipo local, que non soubo atopar as súas vantaxes. Sen embargo, grazas a unha boa defensa non deixou que o equipo visitante se fose no marcador, entrando nos últimos dez minutos con opcións de vitoria.

O último cuarto, empezou cunha gran defensa do equipo local que subiu as liñas e empezou a presionar, pudendo saír ao contraataque e conseguindo empatar o choque pero, pese ao gran esforzo realizado, nos últimos minutos varias malas decisións en ataque, unido ao baixo porcentaxe dende a liña de tiros libres, fixeron que o COB marchara coa vitoria por un igualado 58-61.

Os parciais por cuartos foron: 15-21, 16-15, 11-14 e 16-11.

A próxima semana o Obradoiro Silleda disputará o derbi fronte ao Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, o sábado, ás 18:00 horas.

JUNIOR A: O Obradoiro Peleteiro firma un gran encontro no seu campo fronte o Basket Xiria (112-40)

O Obradoiro Peleteiro arrancou a competición neste 2018 con ganas de seguir na boa liña de traballo do inicio da liga, e deron mostra dende o primeiro minuto de partido. Un gran ritmo defensivo, unido a un xogo moi coral en ataque, fixo que as diferenzas se foran ampliando dende o primeiro cuarto.

Tras os primeiros dez minutos, no segundo cuarto reapareceu en partido oficial Sergio Furelos, que tras nove meses de recuperación volvía a pisar a pista e a disfrutar cos seus compañeiros.

Á volta de vestiarios, o Obradoiro Peleteiro seguiu traballando e encontrando cada vez mellores solucións para atacar a zona dos visitantes e, pese a baixa por lesión de Lolo por unha brecha na cabeza, conseguiron manter a concentración.

Nos últimos minutos, e pese as diferenzas no marcador, ambos equipos trataron de traballar ao máximo para afrontar os seguintes partidos de liga co mellor nivel competitivo posible.

Os parciais por cuartos foron: 27-11, 24-5, 36-11 e 25-13.

A próxima fin de semana, o Obradoiro Peleteiro disputará o último encontro da primeira volta visitando a pista do Instituto Rosalía, o sábado a partir das 12:00 horas, nun encontro no que esperan mostrar a súa mellor versión.

JUNIOR B: O Obradoiro CAB Cenor cae na súa visita a pista do Rosalía de Castro (65-53)

O partido arrancaba cun xogo marcado polos constantes contaataques no que ambos equipos cometían demasiados erros. Notábase o parón de navidades, sobre todo aos visitantes, que soamente foron capaces de converter unha canastra, fallando moitos lanzamentos en boas posicións de tiro, acabando deste xeito cun parcial de 13-2.

No segundo cuarto continuo a dinámica, pero o Obradoiro CAB Cenor foi encontrando unha maior fluidez no seu xogo, pero varios erros defensivos facían que o parcial seguise a ser favorable aos locais por un 18-14.

Á volta de vestiarios seguíase con porcentaxes de tiro demasiado baixos, pero con máis vontade que xogo, o Obradoiro CAB Cenor foi capaz de loitar ao máximo e empatar o terceiro cuarto a dezaseis puntos.

Tras este arreón, os visitantes comezaron a realizar un mellor xogo en equipo no último período, pero os momentos de desconexión e continuas perdas de balón fixeron que o Rosalía lograra a vitoria por 65-53.

O próximo encontro do Obradoiro CAB Cenor será o vindeiro sábado, ás 10:00 horas, fronte ao Enseñanza no pavillón Lorenzo de la Torre.

CADETE A: O Cenor Obradoiro gaña o derbi ante o Peleteiro (68-51)

O sábado, ás 18 horas, xogábase no pavillón municipal Lorenzo de La torre, un dos derbis Santiagueses da Liga Galega cadete, entre o  Cenor Obradoiro e o Baloncesto Peleteiro.

O partido comezou cun bo ritmo dos locais que ían collendo algunha vantaxe no marcador, pero os colexiais non daban un balón por perdido e, tras dominar o rebote ofensivo, poñíanse en partido chegando ao descanso con igualdade no marcador (28-28).

Na segunda metade, os  obradoiristas subiron o nivel defensivo e traballaron máis en pechar o rebote defensivo e aos poucos conseguían impoñer o seu ritmo de xogo. Así, ao final do terceiro cuarto, lograban oito puntos de diferenza no electrónico.

O Peleteiro seguía loitando e lograba acurtar distancias pero, faltando catro minutos para o final, tras boas saídas despois de rebotes defensivos e boas lecturas en xogo colectivo, os  obradoirisatas conseguían sentenciar o partido.

Os parciais de cuartos foron: 18-16, 10-12, 18-10 e 22-13.

O próximo partido, o Cenor Obradoiro viaxará á cidade herculina a medirse ante o  Basket Coruña, o domingo, ás 17:00 horas.

CADETE B: O Obradoiro CAB Cenor vence ante o Expertia Asesores (65-28)

O sábado 13 tivo lugar o primeiro encontro da segunda volta, no pavillón Lorenzo de la Torre, do Obradorio CAB Cenor cadete.

Dende o primeiro momento, os locais amosaron os resultados do traballo no que están centrados neste novo ano: conseguir transicións máis rápidas dende unha boa defensa e cunha forma máis organizada de correr a pista. Isto permitiulle xerar unha boa cantidade de canastras fáciles en contraataque sen oposición. Con este ritmo de partido conseguiron implantar un 18-8 e un 20-6 nos dous primeiros cuartos.

No segundo período, o Obradoiro CAB seguiu combinando o traballo de transición con un xogo tamén dinámico en canto o ataque estático que, xunto co mellor axuste da defensa do bloqueo directo central que propoñía o Expertia Asesores, permitiulles gañar os dous últimos parciais por 16-5 e 11-9.

Un bo comezo da segunda parte da fase previa para o Obradoiro CAB – Cenor antes de viaxar a Rianxo a próxima fin de semana.

INFANTIL A: O Cenor Obradoiro CAB comeza a segunda volta con vitoría en Ribadeo (51-73)

O Cenor Obradoiro CAB impúxose na súa visita ao C.B. Ria de Ribadeo por 51-73 despois dun gran partido de todo o equipo.

Os obradoiristas interpretaron perfectamente o encontro e souperon xogar as súas vantaxes en todo momento. Tras unha primeira metade igualada na que os visitantes dominaron o xogo pero erraron no lanzamento, o Cenor Obradoiro rompeu o encontro no terceiro cuarto cun parcial de 15-31. 

Bastoulle aos visitantes con manter o bo nivel defensivo de todo o encontro nos minutos finais para levarse a vitoria, que pode resultar clave ao final da tempada.

Os parciais por cuartos foron: 8-12, 19-18, 15-31 e 9-12.

A próxima fin de semana, o Cenor Obradoiro CAB recibirá no pavillón Lorenzo de La Torre, o sábado a partir das 12:00 horas, ao KFC Culleredo.