Skip to content Skip to navigation

Campións da Terceira

Nota de prensa Oficial
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF

Un gol de Róber no minuto 5 deulles os tres puntos aos branquiazuis para asegurar o campionato.

Yago Iglesias manteado por los jugadores al final del partido. Foto: Amadeo Rey.
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF

Ao final cantouse o bingo. Novo triunfo de visitantes, nova vitoria e o Compos convértese no campión matemático do grupo 1 da Terceira División. Un solitario gol de Róber no minuto 5 permite aos nosos conseguir os puntos necesarios para alcanzar o obxectivo.

Con 86 puntos, a SD Compostela xogará a promoción de ascenso con dúas oportunidades. O equipo logrou algo histórico e é hora de celebralo. Queda unha semana para que termine a liga, pero os branquiazuis xa poden pensar no que virá dentro de 15 días.

Co obxectivo entre cella e cella, o Compos saltou ao campo de O Espiñedo coas ideas moi claras. Sabían que non podían relaxarse en ningún momento para conseguir cantar o bingo e por iso comezaron o encontro ao 200 %. Esta motivación provocou que os primeiros minutos fosen de clara cor branquiazul.

No primeiro minuto, Santi xa avisou cun man a man que sacou Pachi e aos cinco chegou o gol. Nunha xogada típica, encarou Álex Ares ao lateral, centrouna ao segundo pau e aí apareceu Róber para rematar de cabeza ao fondo da rede, anotando un tanto que levantou a todos os afeccionados santiagueses, desprazados en masa ata O Carballiño.

Pese ao tanto, e á inoportuna lesión de Santi, o Compos seguiu coa súa idea inicial e puido anotar o segundo aos vinte minutos. Nunha acción illada, Alberto Freire pegoulle desde o pico da área, o balón rebotou nun defensa e foise ao pau da portería, cando Pachi xa estaba batido. Co paso dos minutos, o partido endureceuse e o partido foise ao descanso entre numerosos paróns.

Á volta dos vestiarios, o equipo local tentou imprimir un punto máis de intensidade e isto provocou que se sucedesen continuas faltas. Nunha delas, Samu puxo o balón ao segundo e este saíu rozando o pau, do mesmo xeito que noutro centro de Alberto Freire desde a outra banda.

Pola contra, o Arenteiro tivo nas súas oportunidades nun control longo de Carlos de Dios que atrapou Lorenzo, cando encaraba no man a man, e nunha caída de Rubén Arce na área que foi moi protestada pola bancada, pero na que o colexio non decretou nada.

Veu o tempo dos cambios, entraron Sobrido e Tomás, pero o partido non cambiou a tónica. Ningún dos dous conxuntos conseguía xerar perigo coas súas accións e as escasas chegadas á área debíanse a faltas colgadas desde calquera parte do campo.

Así morreu o partido e o Compos, por fin, puido cantar o bingo. Os branquiazuis coa vitoria convértense nos campións do grupo 1 da Terceira División, un triunfo histórico que coroa a unha gran xeración de xogadores, novos, da casa, pero cun nivel espectacular. O bo fútbol durante toda a tempada provoca que estes xogadores fagan historia no club.

FICHA TÉCNICA:

0-CD Arenteiro: Pachi; Adrián Pol, Portela, Martín Sánchez, Pana; Adrián Padrón, Vilachá (Dani Chimpín, m.46); Rubén Arce, Álex Bardelás (Martín González, m.75), Carlos de Dios (Manu Bardelás, m.69); e Iker.

1-SD Compostela: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Samu, Alberto Freire (Sobrido, m.55); Álex Ares (Tomás, m.77), Santi (Mon, min.17), Róber; e Primo.

Goles: 0-1: Róber, min.5.

Árbitro: García Villaverde, comité ferrolán. Amoestou a Pana, Vilachá, Pachi, Adrián Padrón e Adrián Pol, polos locais; e a Alberto Freire e a Sobrido, polos visitantes.

Incidencias: Partido da trixésimo sétima xornada de liga da Terceira División disputado no campo Municipal do Espiñedo ante 1200 espectadores. Nutrida presenza de seguidores santiagueses que acompañaron ao equipo no Carballiño.